Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025. Onte celebrouse en Santiago de Compostela unha xornada clave organizada por Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) e Aeiga (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia), co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na que se afondou na importancia do cumprimento da contratación pública estratéxica.
A xornada contou coa intervención inaugural a través dunha ponencia-marco de Patricia Valcárcel, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo e experta en contratación pública, que puxo o foco na necesidade urxente de garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de contratación pública estratéxica. Nesta liña, Valcárcel destacou que “no contexto actual emerxe a idea da calidade na contratación pública como o novo paradigma, superando unha visión economicista e baseada na compra ao menor prezo”.
A continuación celebráronse dúas mesas redondas. A primeira, de carácter político e onde participaron a FEGAMP, o concello da Coruña, o concello da Laracha e o Consello de Contas de Galicia, durante a cal destacouse que as administracións locais están a dar un paso adiante cara a unha xestión máis ética e sostible dos recursos públicos a través da contratación pública responsable buscando, non só cumprir coa normativa europea e estatal en materia de contratación pública, senón tamén avanzar cara a unha economía máis xusta e sostible. Moitos concellos xa implementaron medidas neste sentido, conseguindo un impacto positivo na calidade dos servizos públicos e na dinamización do tecido empresarial local pero insistiron que, para avanzar na implementación desta estratexia, requírese formación para o persoal técnico e político das administracións locais, así como unha colaboración estreita cos diferentes axentes económicos e sociais.
A segunda mesa, de natureza técnica, estivo composta por funcionarias da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia e dos concellos da Laracha e da Coruña e por unha consultora privada especializada en contratación pública, e afondaron nos problemas que atopan no seu día a día para incluir e executar as cláusulas sociais e ambientais nas licitacións dos concellos. Segundo informaron, “a normativa sobre contratación pública estratéxica é complexa e pode cambiar con frecuencia polo que tememos que a inclusión de cláusulas sociais e ambientais poida derivar en recursos ou impugnacións por parte das empresas que se sintan prexudicadas”.
A continuación, e antes do peche da xornada, falaron as xerencias de Emprego Social, centro especial de emprego, e Cormo Integral, empresa de inserción, expondo datos de como estas empresas concurren ás contratación reservadas dos concellos pero que, en moitos casos, non hai reserva de contrato e deben competir con empresas mercantís que presentan maiores recursos humanos e económicos e non tan éticos ou sostibles.
A clausura correu a cargo de Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que agradeceu a Cegasal e Aeiga a organización deste tipo de actividades que “impulsen unha xestión que teña como base o fomento da economía social por parte das entidades públicas para continuar creando emprego inclusivo, estable e de calidade”, destacando o compromiso do executivo autonómico coa economía social a través das entidades que forman parte da Rede Eusumo, marco no que se celebrou a xornada.
Sobre Cegasal e Aeiga
Cegasal agrupa centros especiais de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é a creación de emprego para persoas con discapacidade. Pola súa banda, Aeiga integra empresas de inserción que ofrecen formación e oportunidades laborais a persoas en risco de exclusión social.